lunes, 10 de marzo de 2008

QUE É?

No curso pasado varias profesoras dos departamentos de Lingua Galega e Literatura e de Música propuxémoslles aos alumnos e alumnas de 4º curso de ESO realizar un traballo de recopilación de información sobre diversos temas relacionados co pasado recente. Esta información sería tomada de persoas de máis de 60 anos seguindo unhas pautas de traballo de investigación de campo propostas polas profesoras implicadas.
O que nos levou a deseñar esta proposta de traballo foi que por unha parte vemos unha tendencia ao abandono da lingua galega. Aínda que non profundizamos nas razóns deste abandono parece lóxico concluír que detrás deste comportamento deben existir uns prexuízos moi arraigados principalmente nos pais, que os levan a tomar a decisión en moitas ocasións de cambiar do galego (que falan entre eles) ao castelán (que utilizan cos seus fillos). Tamén observamos que este abandono está moito máis marcado na xeración dos pais e nais que na dos avós. Acompañando este comportamento hai un desinterese e descoñecemento polo pasado histórico e polas vivencias das persoas de xeracións anteriores, que son depositarias de coñecemento e experiencias que se van perdendo a medida que estas persoas desaparecen.

Nos últimos anos producíronse cambios moi profundos na nosa sociedade, que non sempre son positivos, neste sentido podemos observar unha tendencia á perda das relacións entre avós e netos, que eran fundamentais na sociedade galega deica non hai moitos anos. Isto supón, ademais da evidente perda dunha rica relación humana a perda de todo o coñecemento que se transmitía duns a outros. Observamos que existe moi pouca información directa sobre o que supuxo o franquismo e a guerra entre os adolescentes que forman o noso alumnado. O que coñecen sobre esta etapa histórica venlle dado polos libros maioritariamente e moi pouco pola vía directa das persoas que a viviron.

Polo tanto pareceunos lóxico establecer unha ponte entre os avós, que manteñen arraigada a nosa lingua e cultura así como o coñecemento vivo da memoria histórica e os netos, que tenden a descoñecer e abandonar esta sabedoría. Con isto pretendemos que o noso alumnado sexa consciente da importancia do labor dos nosos maiores que ao longo da historia foron a clave na transmisión de coñecemento a través das xeracións e que permitiron a superviviencia e vitalide da nosa cultura durante séculos a pesar da súa situación de discriminación.

Por outro lado a xustificación deste proxecto tamén vén dada pola recollida de patrimonio inmaterial oral (contos, lendas, cancións, etc.) e porque o recordo dos avós é a fonte viva da historia máis recente. Tamén porque nos leva a restablecer o contacto dos mozos cos maiores, que sempre foron respectados como transmisores de cultura, coñecementos e tradicións.

Valoramos especialmente o contacto humano entre avós e netos, tan importante na nosa cultura tradicional, relación a todas luces moi enriquecedora pero que se está perdendo porque nos nosos días os avós raramente viven cos seus netos.


Para facilitarlles aos nosos alumnos e alumnas a investigación e tendo en conta que moitos non tiñan moita relación cos seus avós puxémonos en contacto coa residencia da terceira idade Monte Tegra de Camposancos. Pedímoslles colaboración para poder ir cos alumnos entrevistar ás persoas que viven alí. Aceptaron encantados a proposta. Unha boa parte do noso alumnado foi á residencia e elaborou o seu traballo contando coa axuda dos residentes. Outros pedíronlle a información aos seus avós ou veciños.

A experiencia superou as expectativas que tiñamos. Tanto os alumnos coma os maiores que participaron nos traballos valoraron a relación que se estableceu entre eles como moi positiva. Produciuse un efecto co que as profesoras impulsoras do traballo non contabamos: os adolescentes descubriron que o que lles podían transmitir os maiores era moi interesante e os avós aprezaron a actitude respectuosa e interesada polos seus coñecementos que mostraron todos os alumnos e alumnas. Por outra parte, tal como esperabamos o alumnado recolleu materiais moi valiosos desde o punto de vista da cultura popular (contos, cancións, lendas, tradicións...) e tamén da recuperación da memoria histórica: as terribles experiencias dos tempos da guerra e da ditadura; aventuras de emigrantes; vellos oficios que xa se perderon... Tamén nos interesou moito a lingua utilizada (pedíase que fose sempre o galego) coa súa riqueza expresiva e variantes dialectais.

Pero sobre todo, grazas a estes traballos fixémonos con excelentes materiais didácticos elaborados polo alumnado seguindo as nosas directrices. Este material pode ser agora utilizado nas aulas para dar a coñecer toda a información recollida dunha maneira moito máis motivadora que a que podemos proporcionar a través dos típicos recursos bibliográficos e audiovisuais, pois agora o alumnado é quen crea desde o contacto coas fontes o material didáctico que vale tanto para os que o elaboran como para os seus compañeiros e compañeiras. É polo tanto unha forma moi eficaz de darlle á aprendizaxe un carácter significativo para aqueles a quen vai dirixida.

O ano pasado realizaron este traballo os departamentos de Lingua Galega e Literatura e Música. Á vista dos resultados obtidos pensamos que sería moi interesante continuar profundizando nesta liña de traballo así como amplialo a outros departamentos didácticos, pois hai diversidade de temas para investigar así como moitas posibilidades de elaboración e difusión de materiais, especialmente aplicando as TICs. Neste curso para levar adiante este proxecto constituímos un Grupo de Traballo no que participamos profesores e profesoras dos seguintes departamentos:

Departamento de Administrativo.
Departamento de Xeografía e Historia.
Departamento de Educación Plástica.
Departamento de Educación Física.
Departamento de Economía.
Departamento de Lingua Castelá e Literatura.
Departamento de Lingua Galega e Literatura.